miércoles, abril 27, 2011

software MANGA STUDIO e COMIC STUDIO

foto_portada 

Introducimos no noso blog o primeiro dunha serie de artigos que tratarán trucos e pequenos titoriais sobre software específico de ilustración aplicado á BD. Está claro que cada día está máis arraigado o traballo dixital, polo que non podemos deixar de lado esta ferramenta.

Para este primeiro artigo imos presentar o software COMIC STUDIO, que é un dos máis utilizados entre os artistas xaponeses. O primeiro que hai que aclarar é que COMIC STUDIO e MANGA STUDIO é o mesmo. O primeiro é como se coñece o software que a compañía CELSYS comercializa en Xapón e o segundo é a versión anglosaxoa do programa adaptado pola compañía, tamén xaponesa, E FRONTIER e que actualmente distribúe a empresa americana SMITH MICRO Software (http://manga.smithmicro.com).

COMIC STUDIO anuncio

A compañía CELSYS (http://www.celsys.co.jp) foi fundada no 1991 e lanzou a primeira versión do programa no 2001, pero non foi ata o ano 2006 que lanzou a versión en inglés de MANGA STUDIO, e ata o 2008 non comezou a ser comercializada por SMITH MICRO.

manga studio DEBUT & EX 

No momento de escribir este artigo, COMIC STUDIO vai pola versión 4.0, dispoñible para MAC e PC en tres edicións: a DEBUT, a PRO e a EX.

Por outra banda, MANGA STUDIO, que tamén vai pola versión 4, só ten dispoñibles a edición DEBUT e a EX.

Eu teño a versión en inglés (que é o CD que aparece na foto de cabeceira), e sobre esta versión faremos o resto de artigos. O programa pode conseguirse desde 50 dólares, a versión DEBUT, ata 300 dólares, a EX. A diferenza máis significativa entre as dúas versións é que na DEBUT non podes crear capas vectoriais (son mapas de bits).

pincel ZEBRA FD-801, unha curiosidade

Fai uns días, na poxa dun lote de material en Xapón, conseguín facerme co pincel
ZEBRA FD-801. Ata o de agora tratamos os pinceis caligráficos e pocket de ZEBRA. Este modelo, descatalogado actualmente e do que non conseguín información ningunha na rede, é unha mestura entre os de barril e o caligráfico, coa curiosidade de que este modelo é recargable.

A compañía nipoa ZEBRA (www.zebra.co.jp) é unha das máis antigas de Xapón, fundada por Tokumatsu Ishikawa no 1897 (aínda que non sería ata o 1914 cando recibiría o nome actual). A empresa tivo a desgraza de quedar totalmente derruída nun bombardeo no 1945, aínda que volveron con forza no 1950. A empresa dedícase á fabricación de todo tipo de material de escritura, e sería no 1975 cando empezaría a fabricar os primeiros pinceis dos que imos falar agora.

O modelo FD-801 ten punto de pelo sintético (non é de feltro como os de barril), e utiliza recargas das pequenas (neste punto é similar a outros modelos pocket recargables). O raro é que combina estas características cun tamaño excesivo, xa que ten un mango demasiado longo.

OPINIÓN PERSOAL:

Eu son asiduo ao uso dos pinceis ZEBRA en xeral (sobre todo os de barril), e aínda que este modelo non se poida atopar facilmente, desde logo ten un bo rendemento e ofrece a calidade e fiabilidade da marca.

customizando os CONVERSE

Para continuar coa celebración dos 25 artigos, subo un documento gráfico sobre o proceso de customización dunhas zapatillas CONVERSE. Nos seguintes artigos voltaremos aos nosos temas habituais. Espero que vos guste.

martes, marzo 22, 2011

25 artigos!

autocaricatura

Para celebrar as 25 entradas no noso blog Lata de Ferramentas, fixen unha autocaricatura na que intento representar o espírito do blog. Levaba algún tempo traballando na idea e acabei por asumir o aspecto do meu can, o Dr. Watson, cargado das ferramentas máis habituais coas que traballo. Espero que vos guste e que poidamos celebrar pronto as 50 entradas.

portaminas PENTEL GRAPHGEAR 1000

imaxe01 Para o primeiro artigo sobre portaminas decidín falar do PENTEL GRAPHGEAR da serie 1000, xa que, ademais de ser moi doado de atopar en calquera tenda de belas artes ou papelaría, aínda non atopei outro que rendese mellor que este.

PENTEL CO. LTD. (www.pentel.co.jp) é unha compañía xaponesa fundada en 1946 e con sede en Toquio. A empresa especializouse nos seus comezos en produtos de escritura (bolígrafos e portaminas), pero a día de hoxe adícase tamén aos produtos electrónicos, cosméticos ou de papelaría.

Os portaminas son de corpo metálico, cunhas almofadas de plástico suave para agarralos. O máis interesante é que resgardan a punta de 4 mm dentro do corpo do portaminas cando non se usa, usando como mecanismo de apertura o clip de suxeición do portaminas.

 

imaxe02

Tamén dispoñen de selector de dureza, e dunha goma bastante decente na parte superior (debaixo do capuchón) da que venden recambios.

Quizais non é doado atopar todos os modelos, pero están dispoñibles nos seguintes diámetros: 0,3 mm (de cor vermella), 0,4 mm (de cor verde), 0,5 mm (de cor gris), 0,7 mm (de cor azul) e 0,9 mm (de cor amarela).

OPINIÓN PERSOAL:

De lonxe, os mellores portaminas cos que traballei, sendo dos poucos modelos que permiten resgardar a punta para evitar roturas en caso de caídas ou golpes. O meu favorito é o de 0,4 mm, que combino con minas 2B ou 3B, das que xa falaremos noutro artigo. O prezo é duns 15 euros por unidade e atópanse facilmente (sobre todo o de 0,5 mm).

pinceis pocket de PLATINUM

imaxe01 Voltamos con outro artigo máis sobre pinceis pocket.

Desta vez falaremos dos pinceis de PLATINUM, quizais menos habituais e de menor proxección que os de outras marcas.

A compañía nipona PLATINUM PEN CO. LTD. (http://www.platinum-pen.co.jp) foi fundada no 1919 por Syunchi Nakata e adícase en exclusiva aos produtos de escritura, destacando pola calidade no deseño e acabamentos das súas plumas estilográficas.

imaxe02

Os modelos dispoñibles son os seguintes:

- CF-5000 é o modelo de gama alta, con acabamentos en mármore sobre corpo de aluminio. É o único modelo que ten a cabeza do pincel de pelo natural de marta (ten 3 variantes: negro, azul e vermello).

- CF-4000 é una edición especial con motivos xaponeses no seu corpo, a cabeza do pincel é de pelo sintético. Os dous modelos son: Crane & Sunrise e o Mt. Fuji & Cherry Blossoms.

- CF-3000 ten o corpo negro e con pequenos detalles en aluminio.

- CF-2000 é exactamente igual que o modelo CF-4000, pero co corpo totalmente en negro.

- CFTR-250C é o modelo económico, co corpo de resina e con motivos florais dourados gravados no seu corpo de cor negra. O modelo é coñecido como SEIGA.

Todos os pinceis son recargables, usan as recargas SPF 200 de 1,2 cm3 e veñen 3 cartuchos en cada caixa. (As recargas só están dispoñibles en cor negra.)

imaxe03

OPINIÓN PERSOAL:

Desta vez, temos uns pinceis que destacan máis polos seus acabamentos de alta gama que pola súa utilidade. Salvo o modelo máis económico, o resto de modelos varía entre os 40 e os 60 euros. O modelo CF-5000 é de recente aparición, polo que este modelo aínda non tiven a oportunidade de probalo, pero do resto de modelos eu quedo cos de alta gama de KURETAKE.

martes, enero 25, 2011

revista COMICS DRAWING

imaxe01

COMICS DRAWING é unha revista especializada en BD xaponesa. A revista é parte da liña MOOK da editorial SEIBUNDO (www.seibundo-shinkosha.net), tamén responsable de moitos outros libros de documentación para ilustradores.

A revista foi editada entre o 2008 e o 2009 e só teño constancia de que chegara aos 5 números (polo menos os que eu teño). Na páxina web da editorial tampouco se atopan novas sobre ela.

imaxe03

A revista é de tamaño A4, con lombo encolado e papel de alta calidade (satinado e de gramaxe alta), o que fai destacar as fotos e ilustracións. A extensión da revista é dunha media de 130 páxinas.

No interior pódense atopar artigos variados con autores e editores de todos os estilos, mostras do seu traballo e titoriais de debuxo.

Entre os autores entrevistados temos a xente como Masayuki Ishikawa, Okama, Fumiko Tanikawa, Yaeko Ninagawa, Hiromu Arakawa, Yuki Shimizu, Kendi Oiwa, GIN Toriko, You Higuri, Norie Yamada, Redjuice, Makoto Yukimura, HUKE, Mori Kaoru, CHOKO, Hiroaki Samura ou Seimu Yoshizaki.

O seu prezo é de 1 500 iens e non son moi doadas de atopar.

imaxe02

OPINIÓN PERSOAL:

Ao igual que coa revista COMICKERS (da que xa falaremos máis adiante), estamos ante unha das mellores maneiras de coñecer as técnicas e materias preferidos dalgúns dos autores máis punteiros do manga. Normalmente, todos os titoriais traen unha primeira sección onde se mostran todos os materiais usados nel, sendo esta unha das miñas partes favoritas.

Outras das seccións máis interesantes son as que nos ensinan os estudios de traballo dos artistas, cunha morea de fotos de moi boa calidade onde podes ver dende a súa mesa de traballo ata detalles dos estantes de documentación.

Tamén é chamativo poder observar o resultado final de cada páxina, xa que non é doado atopar moitas exposicións de autores manga nos salóns de BD, e só tes como referencia o resultado final impreso.

A revista non leva excesiva publicidade e limítase a publicacións similares da editorial, escolas de manga xaponesas ou programas de debuxo dixital.

Unha boa opción para adentrarte na parte máis técnica do mundo do manga.